Máis de 500 mozos participarán nun congreso de xuventude en Ribeira

    RIBEIRA> Baixo o lema ‘Da educación non formal ao emprego e ao emprendemento’, a iniciativa ten coma obxectivo explorar as posibilidades que ofrece a educación non formal.

    Medio millar persoas inscribíronse xa para participar mañá venres e o sábado no Congreso Internacional de Xuventude a celebrar en Ribeira. Trátase na súa maioría de membros de entidades xuvenís; emprendedores; técnicos e concelleiros de xuventude; animadores socioculturais; profesores e a mozos e mozas en xeral que están interesados nesta materia. Baixo o lema ‘Da educación non formal ao emprego e ao emprendemento’, a iniciativa conta co obxectivo de explorar as posibilidades que ofrece a educación non formal, á hora de adquirir coñecementos, habilidades e aptitudes que aumenten as posibilidades de empregabilidade dos mozos e mozas. En total, contarase con 38 poñentes, dos cales 20 son representantes de diversas asociacións xuvenís. Ademais acudirán tamén medio cento de mozos de distintos países europeos como é o caso de Italia, Reino Unido, Noruega ou a República Checa que se atopan en Galicia participando en proxectos do programa ‘Xuventude en Acción’. O programa está dividido en catro grandes zonas: no auditorio municipal, onde terán lugar as conferencias, mesas redondas e obradoiros, que constitúen o groso deste evento. Nunha carpa instalada na avenida do Malecón, que acollerá a exposición do traballo que desenvolven máis de corenta entidades xuvenís de toda Galicia e no salón de actos da Casa do Mar onde se levarán a cabo obradoiros de comunicación, coaching e redes sociais; ou relatorios de experiencias xuvenís. O congreso tamén contará cunha serie de actividades de carácter máis práctico, como o Brain-Spa, onde se mostrarán a través de 20 diapositivas ilustrativas sete exemplos de boas prácticas en materia de Xuventude, para ser con posterioridade debatidas polos participantes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/24/previocongresoxuventuderibeira.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/24/previocongresoxuventuderibeira.mp4{/flowplayer}