A balea branca de Tal termina despezada en toros en Muros

    MUROS> Cortada en anacos. Así rematou o seu periplo a balea branca que varou en Louro o domingo pasado e, horas despois, o mar levou ata Tal, ámbalas dúas parroquias do Concello de Muros.

    Nesta última localidade, o cetáceo encallou na amencida do luns no areal do Seixal, lindeiro ca nova factoría de orella de mar e ca Praia de Area do Medio e Cabanas. Aquí sorprendeu a veciños e visitantes, que non perderon a oportunidade de fotografarse con este enorme animal de vinte metros de longo. As instantáneas subían ás redes sociais á velocidade do lóstrego ata que onte, aproveitando a preamar da tarde, un dispositivo de emerxencias, desaloxou o mamífero polo método do arrastre. Tiveron que ser embarcacións pequenas as que tiraran del como a Salvamar Regulus, con base permanente en Porto do Son, posto que o remolcador anticontaminación Ría de Vigo non era quen de adentrarse no areal máis adiante do Escaramelado do Seixal, por mor da falla de calado. A partir de aquí, remolcaron a balea ata o Porto de Muros, onde procederon á partilo en toros co fin de facilitar o seu traslado por parte dunha empresa xestora de residuos. A Compañía Gesuga encargarase de desfacerse do animal que xa empezaba a descompoñerse e a destilar un insoportable cheiro.