Dous falecidos nun accidente de tráfico en Rianxo

    RIANXO> O sinistro producíase pouco antes das dúas da tarde. Por causas polo de agora descoñecidas, un vehículo, un BMW Serie 3, invadiu o carril contrario e colidiu frontalmente contra un camión. A consecuencia do golpe, o turismo quedou envolto en chamas, e os dous ocupantes que viaxaban no seu interior, unha parella de ó redor duns 40 anos, quedaron atrapadas no seu interior sen que ninguén puidera facer nada por socorrelos. A identificación dos corpos foi complexa, debido a que tanto o vehículo coma as dúas vítimas quedaron calcinadas. Ata o lugar do suceso achegáronse numerosos equipos de emerxencia, Policía Local e Protección Civil de Rianxo, bombeiros do parque comarcal de Boiro e tamén varias patrullas da Garda Civil de Tráfico. Tamén se achegaron diversas autoridades locais, entre elas o alcalde, Adolfo Muíños, quen lamentou o suceso. A consecuencia do choque, e debido ós traballos de excarceración e ó levantamento dos corpos, e posteriormente á retirada dos vehículos implicados e a limpeza da calzada, a estrada permaneceu cortada ó tráfico durante máis de catro horas, desviado a circulación a través da propia autovía do Barbanza. O accidente desta tarde é uns dos máis graves dos rexistrados na comarca nos últimos anos, ó saldarse con dúas vítimas mortais. A parella falecida deixa un fillo de tres anos.