Interceptan no Atlántico 10 toneladas de hachís con destino á Península

SALNÉS> Trece persoas detidas polo momento e 10 toneladas de hachís requisadas é o balance que deixa polo momento a ‘Operación Monteviejo’, un novo golpe ó tráfico de drogas que se executou en alta mar por parte do Greco Galicia.

A droga viaxaba a bordo dun pesqueiro, o Oscar II, con tripulación toda marroquí, e foi interceptada a 50 millas do Cabo de San Vicente. Segundo declarou esta mañá o delegado do goberno en Galicia, Samuel Juárez, todo apunta a que o alixo tiña como destino as costas galegas ou o norte de Portugal, vía de entrada pola que o cargamento se distribuiría previsiblemente por España e outros países de Europa. Os 13 apresados ata o momento son de nacionalidade marroquí, pero non se descartan novas detencións xa que os investigadores levaban desde febreiro trala pista da organización encargada do traslado, con conexións en España e Marrocos. Tras interceptar o pesqueiro no Atlántico, as forzas da orde custodiárono ata o porto de Cádiz, onde se desembarcou a droga que viaxaba oculta entre as redes e a maquinaria do pesqueiro. Viña distribuída en máis de 300 fardos, e aínda que non transcendeu o valor que acadaría no mercado, fontes da investigación si apuntaron a que se trata de hachís de gran pureza.