Louzán rende contas no Parlamento

PONTEVEDRA> O presidente provincial compareceu esta mañá ante o Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos que manexará a Deputación de Pontevedra de cara o ano que vén. Falouse de presupostos, pero tamén do financiamento da Volta Ciclista ou do proxecto Pousadas do Salnés. Louzán tivo tempo incluso para lanzar unha mensaxe a prol da dignificación da política. Rafael Louzán viaxaba hoxe a Santiago cun proxecto de presupostos provinciais de 146 millóns de euros. Comparecía ante a Comisión de Economía do Parlamento para explicar a estrutura das contas e o reparto de partidas. Pero no foro saíron á luz outras cuestións de índole económica a preguntas da oposición. Entre elas, o financiamento da Volta Ciclista a España, que en agosto saída dunha batea instalada en Vilanova e atravesaba varios concellos da provincia, así como a publicidade do evento. Os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas, Juan Fajardo, e do PSdG Abel Losada, pediron explicacións ó presidente provincial sobre os cartos e a contía cos que se financiara este dispositivo. Rafael Louzán asegurou que todo o custe da instalación da plataforma correu a cargo de Unipublic, a entidade organizadora da Volta, e que a Deputación non puxera nin un só euro. Outra das acusacións de suposto despilfarro lanzadas pola oposición apuntou cara o proxecto das Pousadas do Salnés. Botaron en cara ó presidente pontevedrés que a xestión do plan se estea apoiando na iniciativa privada e non se ocupe da xestión un organismo público. Louzán asegurou, sen entrar en maiores detalles, que o modelo actual está a ser rendible e que se se apoiara en entres públicos non sería así. Caciquismo, nepotismo ou república bananeira foron algúns dos cualificativos que se escoitaron na sesión para definir o modo de actuación da Deputación de Pontevedra, á que tildaron tamén de ‘oscurantista’ e baseada en ‘redes clientelares’. Incluso a oposición esbozou supostas conexións entre o organismo provincial e o caso Bárcenas. Ante este panorama, Louzán optou por unha postura diplomática, apelando ó consenso de tódalas forzas coa fin de dignificar a política. No tocante ós orzamentos provinciais para o próximo ano, Louzán explicou que se elevarán a 146 millóns de euros, un 1,7% menos que o deste 2013, malia que o documento aínda non está pechado. Segundo explican desde o ente provincial, son uns orzamentos centrados en dúas liñas de actuación: o investimento en política social e emprego, e na construción e mellora de infraestruturas básicas. Para a prestación conxunta de servizos entre municipios destinaranse preto de 15 millóns de euros, a investimentos 20, outros tantos a conservación e mantemento de estradas, 14 millóns á promoción da cultura e da educación e 2,4 para impulsar o Turismo.