Os investimentos do contrato da auga de Pontevedra completarán o saneamento do rural

PONTEVEDRA> O novo contrato da auga de Pontevedra, adxudicado hai uns meses, leva aparellado unha serie de melloras que Viaqua deberá comezar a executar a principios do 2019. Nunha xuntanza celebrada esta mañá no concello marcouse a folla de ruta para estas intervencións, que suporán un investimento por parte da adxudicataria de 58 millóns de euros durante os próximos 3 anos.

As melloras asociadas ó contrato de abastecemento de auga e saneamento deberían executarse a partir de xaneiro.

Hoxe establecéronse as obras que se van a realizar e a empresa adxudicataria comezará xa a elaborar os proxectos correspondentes. Case o 50% dos 58 millóns previstos para estas intervencións, se destinarán ó saneamento no rural.

As obras comezarán na parroquia de Verducido, e continuarán en San André e Santa María de Xeve, Campañó e Bora. Nestes núcleos completaríase a rede de saneamento para que as vivendas se poidan conectar, e reporíanse as vías municipais afectadas pola instalación das tubaxes.

Ademais do saneamento no rural, haberá melloras de abastecemento nas parroquias de Mourente, Marcón, Bora e Salcedo; e un novo depósito en Castrosenín dará auga á ampliación de Montecelo.

Por último, o paquete de melloras inclúe intervencións no ámbito urbano, entre as que destacan a mellora do saneamento da rúa Echegaray e a reposición de parte do bombeo da estación potabilizadora de Monte Porreiro.

Ó investimento en melloras súmase a achega de 7 millóns polo canon, e unha partida de 3 millóns que a adxudicataria debe dedicar ó mantemento da rede, e dentro da que se enmarcan obras coma a mellora da galería de servizos.