A Asociación Española contra o Cancro e o Sánchez Cantón alíanse na procura da primeira ‘xeración libre de tabaco’

PONTEVEDRA> Conseguir unha xeración libre de tabaco no ano 2030. É o ambicioso obxectivo que se marca a Asociación española contra o Cancro. Pero para acadalo, precisan do apoio de institucións e colectivos. Por iso están a impulsar a Alianza do Movemento sen Tabaco, alertando dos danos desta substancia sobre a saúde e tamén do perigo que supón o incremento do uso de vapeadores entre a mocidade. Hoxe sumouse a esta alianza o alumnado do Instituto Sánchez Cantón, que se encargou de poñer voz ao manifesto.

A Asociación Española Contra o Cancro agarda no 2030 acadar a primeira xeración libre de tabaco.

Un ambicioso obxectivo para o que precisan, dende logo, colaboradores. Por iso impulsan a Alianza do Movemento sen Tabaco. Hoxe atoparon cómplices no alumnado do instituto Sánchez Cantón.

Eles foron os encargados de poñer voz ao manifesto desta alianza para conmemorar o Día Mundial Sen Tabaco.

Os datos que achegan dende a asociación son claros. O tabaco está relacionado con 16 tipos de cancros e causa 63.000 mortes ao ano en España. Unha realidade que fai que tomar medidas para reducir o acceso da mocidade ao tabaco deba ser unha prioridade.

E non só ao tabaco no seu formato tradicional. Os novos, como os cigarros electrónicos e vapeadores son unha porta de acceso ao tabaquismo.

Segundo a enquisa ESTUDES, un de cada 2 estudantes entre os 14 e os 18 anos probou os cigarros electrónicos alomenos unha vez na vida. Isto supón un incremento de máis dun 10% en só dous anos. Un dato alarmante sobre o que a Asociación Española Contra o Cancro pon o foco neste Día Mundial Sen Tabaco.