O Plan de sostemento dos espazos públicos remozará a rúa Oliva

Pontevedra> Dentro do Plan Municipal de sostemento dos espazos públicos, o Concello de Pontevedra está a realizar obras nas zonas peonís da cidade. As intervencións de maior envergadura afectan á rúa Oliva e ás prazas de Ourense e do Concello.

O programa de sostemento dos espazos peonís urbanos trata de reparar os danos causados polas intensas chuvias e temporais do inverno, así coma polo paso do tempo. As obras inclúen diferentes tipos de intervención: reparacións urxentes, que consisten na intervención nos espazos que resulten perigosos; reparacións do pavimento peonil en rúas enteiras; e obras de maior envergadura,  coma a que neste momento se está a realizar na Praza de España ou a que se fará dende a praza da Peregrina á rúa García Camba.

Na rúa Oliva cambiarase completamente o enlousado da parte central. Para informar da actuación prevista, o concelleiro de Obras reuniuse onte cos comerciantes da zona. Os traballos terán unha duración prevista dunha semana.

Están en execución traballos de reparación en Barcelos, Camiño de Ferro, A Estrada e Cruz Vermella.

Tamén están en carteira traballos na Porta de Trabancas e as rúas Taboada, San Amaro e Augusto García Sánchez.

O orzamento total do programa de sostemento urbano ascende ós 250.000 euros.