Noia Histórica sorteará catro iPhone 15 na súa campaña de Nadal

NOIA> Baixo o lema ‘Noia preto de ti’, a patronal noiesa desenvolverá dende este venres ata o 5 de xaneiro a súa tradicional campaña comercial de Nadal, coa que pretende incentivar as compras na localidade.

A campaña deste ano, na que participan un total de sesenta establecementos comerciais de todo tipo, vén cargada de importantes novidades. Unha delas, se cadra a máis importante, será o sorteo de catro iPhone 15.

Como en anos anteriores haberá tamén unha programación especial que incluirá animación musical polas rúas do casco histórico ó longo da campaña, tren infantil e a tradicional chocolatada no Curro.

Para o desenvolvemento da campaña, Noia Histórica conta tamén coa colaboración do Concello.

Dende o executivo incidiuse na aposta realizada, un ano máis,  pola decoración, para darlle unha imaxe máis atractiva á vila durante esta época do ano e axudar así á dinamización do tecido comercial.

Ademais do Concello, colaboran tamén coa campaña a Xunta de Galicia e a Deputación de Coruña.