Éxito de participación na novena edición da Festa do Carneiro de Lousame

LOUSAME> A carpa instalada no campo da festa de San Roquiño rexistrou un cheo total de asistentes que non quixeron perder a ocasión de degustar este prato guisado seguindo a tradición de ‘San Roquiño’. Ó redor duns 380 quilos de carneiro e outros tantos de pataca e pementos, acompañados de pan e viño, repartíronse este sábado no campo da festa do San Roquiño. A cita gastronómica, que chega este ano á súa novena edición, cumpriu as expectativas da propia organización, a asociación cultural San Roquiño, que en colaboración co Concello, é a encargada de facer esta festa. O tempo tamén axudou, e as racións de carneiro, guisado como marca a tradición ó estilo ‘San Roquiño’, esgotáronse rapidamente. A música tampouco faltou, desta volta da man do grupo de gaitas local ‘Ó son do Pote’, cuxos membros foron os encargados de amenizar esta festa gastronómica que co paso dos anos se está a converter nunha cita ineludible que dá inicio ós veráns culinarios no Barbanza.