‘O PSOE xa evitou unha área comercial en Rubiáns. Seguimos na mesma postura’

    VILAGARCÍA> A voceira socialista Tania García lembra que o Partido Socialista local evitou o último intento de montar unha gran área comercial na cidade cando Dolores García estaba á fronte do goberno. Ante os rumores da posible instalación dun híper na zona de Megasa, García asegura que manterán a mesma postura, porque eles ‘están do lado do comercio local’ Nas rúas de Vilagarcía continúan os rumores sobre a posibilidade de que unha gran firma comercial se implante na cidade, en concreto nos terreos da antiga Megasa. A pesar de que polo de agora non hai solicitada ningunha licenza de construción ou actividade, só un estudo de detalle para a reordenación de volumes na parcela, a caixa dos tronos destapada polo BNG local segue a ter reaccións. Os propios nacionalistas anuncia nunha moción que presentarán no pleno deste mes solicitando á corporación que se postule en contra da posible implantación do híper. Tamén a Asociación de Comerciantes Zona Aberta baralla a posibilidade de emprender accións xudiciais para evitar achegada dun híper á cidade. Unha defensa do comercio local que tamén apoian desde o Partido Socialista. Segundo a súa voceira, Tania García, sobran exemplos das consecuencias nocivas que a instalación dunha gran superficie podería ter na economía da cidade. A súa resposta, un non rotundo. Ante os argumentos que defenderían a posible xeración dun gran número de empregos, os socialistas amósanse cautos. Di García que habería que valorar cantos postos serían e se compensarían o dano, que segundo eles, se causará ó tecido económico de Vilagarcía. É por iso que ante a moción que prevén presentar os nacionalistas no pleno, Tania García avanza que o PSOE manterá a mesma postura que amosaron na lexislatura pasada cando houbo un intento semellante de abrir unha área comercial en Rubiáns. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/18/taniamegasa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/18/PSOE_AREA_COMERCIAL_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer}