Mosquera: “O Hospital ten que estar rematado antes de finais de 2015”

    VILAGARCÍA> A conselleira de Sanidade visitou esta mañá o Hospital do Salnés. Alí Rocío Mosquera presentou a autoridades e dirixentes do centro o novo proxecto de ampliación. Actuarase sobre unha superficie de máis de 4.000 metros cadrados, cun investimento de 8 millóns de euros e se finalizará antes do remate de 2015. O proxecto abarca unha superficie total de 4.157 metros cadrados, entre nova construcción e reforma. As urxencias será o servizo que conte con máis melloras, pasará de contar con 474 metros cadrados a 1.475. No bloque cirúrxico pasarase dos tres quirófanos actuais a cinco, duplicando a superficie destes. O obstétrico tamén se verá moi mellorado nas súa dotación. Ademais, habilitarase un novo hospital de día con 252 metros cadrados e dez postos. Todos estes datos ofreceunos a conselleira Rocío Mosquera ás numerosas autoridades que se congregaron no salón de actos do Hospital do Salnés. A intención é que as obras se inicien a mediados do ano que ven e estean rematadas a finais de 2015. Na xuntanza, o presidente da Mancomunidade do Salnés Gonzalo Durán propuxo hoxe que se evalúe a viabilidade de facer un acceso pola parte traseira do centro que o conecte coa Vía Rápida e dea unha entrada máis rápida ás Urxencias. Dende o ente supramunicipal agardan que esta vez si se leve adiante un proxecto moi agardado. Na visita desta mañá fixeron tamén acto de presencia membros do sindicato CIG. Criticaron entre outras cousas que a ampliación non cubre as demandas asistenciais da área e que non contempla a creación dunha Unidade de Coidados Intensivos. Din dende a CIG que non se creen que o proxecto vaia adiante logo de catro intentos frustrados en 12 anos de historia dun hospital, que xa naceu pequeno. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/hospital600_191113.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/hospital_191113.mp4{/flowplayer}