Aguascalientes e O Salnés estreitan o pacto de colaboración económica

    SALNÉS> A delegación de empresarios arousáns encabezados pola Mancomunidade do Salnés viviu onte unha xornada clave na súa visita a México. O encontro co sector empresarial de Aguascalientes. Unha cita na que as autoridades arousanas aproveitaron para amosar o potencial económico desta comarca e de Galicia en xeral, e no que os seus homólogos mexicanos amosaron a súa disposición para traballar xuntos e conseguir que O Salnés se converta no seu trampolín de acceso a Europa e viceversa. Xornada clave a que viviron este martes os empresarios arousáns desprazados a México. A súa cita co sector económico e social de Aguascalientes non puido resultar máis proveitosa e o intercambio de ofrecementos e mostra de oportunidades de negocio acabou converténdose en toda unha declaración de intencións, por parte de ámbalas dúas delegacións, para sentar os piares dun traballo conxunto que lles permita ós mexicanos acceder ó mercado europeo a través do Salnés, e ós arousáns ó mercado mexicano e de Latinoamérica a través de Aguascalientes. A exposición de potencialidades de Arousa correu a cargo do xerente da Mancomunidade. Desde o sector mexilloeiro ó conserveiro pasando pola produción vinícola, a pesca e o marisqueo. Ramón Guinarte non deixou atrás ningún dos motores económicos nos que O Salnés é potencia nacional e mundial. Tamén o deputado nacional Telmo Martín soubo ofrecer oportunidades de negocio ós empresarios e autoridades de Aguascalientes a partir de necesidades que detectou na cidade estado. Unha rexión cun dos ritmos de crecemento máis meteóricos de Suramérica e que desde Arousa, e Galicia, non queren deixar escapar. O alcalde enxeñeiro de Aguascalientes, Juan Martín del Campo, asumiu que nesa senda de crecemento, o goberno municipal debe ir da man dos empresarios, para seguir impulsando a economía e a xeración de emprego. De aí que o irmanamento con Vilanova non vaia quedar, dixo del Campo, na firma dun papel. Queren que O Salnés se converta no trampolín dos empresarios mexicanos a Europa. Unha disposición que confirmaron desde o sector empresarial de Aguascalientes. O presidente da Mancomunidade do Salnés recolleu a invitación lanzada polo alcalde de Aguascalientes e incidiu na oportunidade do intercambio tamén para Arousa. O presidente da Federación de Empresarios arousáns rematou as intervencións coa invitación ós operadores locais a que se acheguen tamén á nosa terra e coñezan in situ todas as potencialidades desta comarca. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/23/aguascalientesempresarios.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/23/MEXICO_EMPRESARIOS_230214.mp4{/flowplayer}