A pesca artesanal para e plántase ante os novos controis da Unión Europea, que considera ‘inasumibles’

CAMBADOS> A flota plántase ante os novos controis á pesca  impostos dende a Unión Europea. Medio milleiro de mariñeiros mobilizáronse esta mañá na lonxa do porto de Tragove, en Cambados, para protestar contra o novo regulamento en barcos de a partir de doce metros. Todos a unha, representantes de distintos portos e rías, reclaman unha moratoria na aplicación da norma e a apertura de negociacións para modificar as novas esixencias europeas que consideran inasumibles para a pesca artesanal.

Esta imaxe da flota amarrada repetiuse en numerosos portos de toda Galicia. O de Tragove, en Cambados, converteuse no epicentro do descontento do sector do mar cos novos controis á pesca impostos dende a Unión Europea.

Medio milleiro de persoas manifestáronse no interior da lonxa cambadesa. Porque foi precisamente esta confraría a que encabezou o movemento contra a norma xa en vigor, que obriga a anotar cada kilo e cada especie e rexistrar o lugar exacto no que se pescaron ou a deixar pasar dúas horas e media para entrar a porto.

A esta convocatoria asistiron representantes doutros portos e de confrarías das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. A preocupación é a mesma en todos os casos: a nova norma é inasumible.

Denuncian, ademais, que o novo regulamento aumenta os riscos para a flota, ao ter os mariñeiros que estar pendentes dos diferentes trámites burocráticos.

Polo de momento, os controis teñen que aplicarse aos barcos de máis de 12 metros de eslora. Pero a partires de 2028 estará vixente para todas as embarcacións. Por iso dende o sector fan un chamamento á unidade.

O que reclaman ao é unha moratoria que free estes novos controis. Tamén a apertura de negociacións para que se poidan modificar estas condicións que, din, condenan ao sector.

Tras esta primeira xornada de mobilizacións, o sector está disposto a prestar batalla. Así non descartan novas convocatorias e mesmo manter a flota amarrada para facer presión ante unha nova normativa que pon a súa supervivencia contra as cordas.