Os portos deportivos galegos integraranse nunha rede internacional de mobilidade

GALICIA> Portos de Galicia facilitará a integración dos peiraos deportivos nunha rede internacional de mobilidade de navegantes. Trátase da rede creada pola entidade francesa Compañía de Morbihan para a consolidación de rutas de navegación con Gran Bretaña e Francia. A raíz da súa participación nos principais eventos promocionais do sector náutico en Francia, Portos de Galicia estableceu contacto con Compañía de Morbihan para incluir os peiraos deportivos de titularidade autonómica que rexistran unha maior actividade nesta proposta. A rede recibe o nome de Passeports Escales e promove o intercambio de pasaxeiros británicos e franceses no triángulo que conforman o sur de Reino Unido, a costa suroeste de Francia e o norte de España e concretamente Galicia. Esta rede inclúe ata o momento uns 90 portos deportivos europeos e nas vindeiras semanas formalizarán a súa adhesión portos deportivos das Rías Baixas, Costa da Morte, Mariña lucense e as áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. A inclusión de Galicia na rede resulta de importancia estratéxica a nivel xeográfico para completar as sedes da rede no arco atlántico, tal como recoñeceron os seus propios impulsores. A Passeport Escales agrupa a oferta de prazas dos portos adheridos ofrecendo diversas vantaxes aos seus usuarios. Entre elas, ofrece facilidades para a xestión da reserva de prazas a distancia, unha guia informativa sobre os portos incluídos e zonas de navegación, un foro para clientes e diferentes aplicacións informáticas. Xunto a esto, o principal reclamo para a captación de navegantes radica na gratuidade de parte das pernoctacións que os usuarios realicen nos portos adheridos, cun máximo de dúas noites gratis por escala. A facturación dende o porto de escala realízase ao porto base e non directamente ao usuario, para maior comodidade do navegante.