A Deputación quere ampliar Viñas Atlánticas a toda a DO Rías Baixas

PONTEVEDRA> A plataforma Viñas Atlánticas, impulsada pola Deputación de Pontevedra e tres cooperativas vitivinícolas do Salnés, ábrese agora ó resto de adegas da provincia. Os técnicos do proxecto e mailo presidente provincial Rafael Louzán, reuníronse esta mañá cos adegueiros para explicarlles esta experiencia, pensada para optimizar o uso de fitosanitarios na viña. A Deputación de Pontevedra presentou a plataforma Viñas Atlánticas a diversas adegas da provincia. Ante unha nova convocatoria dos fondos europeos Life, destinados a proxectos de carácter medioambiental, a Deputación quere agora abrir esta experiencia a outras adegas. Viñas Atlánticas xurdiu en 2009 como consecuencia da masiva aparición ese ano de mildeu. A Deputación sumou esforzos coas cooperativas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco&Lola e embarcáronse neste proxecto. Amparada nas novas tecnoloxías, esta plataforma permite ó viticultor saber en tempo real a situación do seu viñedo, e en consecuencia, optimizar o uso de fitosanitarios. Desde o ano pasado, calquera viticultor xa podía consultar no perfil público da web de Viñas Atlánticas o risco xeral de mildeu, a meteoroloxía e os boletíns de avisos fitosanitarios. Pero de momento, só hai información específica para as zonas do Salnés e Soutomaior. A Deputación pretende cubrir o resto da provincia. O presidente da Deputación tamén informou que a vindeira semana se abrirá unha nova ruta do viño na DO Rías Baixas. Será en Ponteareas, na subzona do Condado Paradanta. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/27/VUNASATLANTICASOK.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/27/VINAS_ATLANTICAS_271113.mp4{/flowplayer}