Así votaremos os galegos o vindeiro 12 de xullo

MARIN> Os colexios electorais de Galicia cumpren xa con todas as medidas de hixiene necesarias de cara ao vindeiro 12 de xullo. O coordinador de prevención de eleccións da Xunta visitou esta mañá o centro da Laxe, en Marín, para facer un simulacro de seguridade e demostrar cales son os pasos que deberemos seguir durante a xornada electoral.

Controis nos accesos, frechas que sinalan as entradas e as saídas e bandexas para depositar o noso DNI e evitar o contacto. Así serán as eleccións do 12 de xullo. O obxectivo, cumprir co protocolo elaborado pola Xunta de Galicia para que a xornada electoral se poida desenvolver coas máximas garantías sanitarias.

En todos os colexios electorais será obrigatorio o uso de máscaras e haberá dispensadores de xel hidroalcólico a disposición de toda a cidadanía. Ademais, en todos estes centros deberán garantirse as distancias de seguridade. Tamén entre os membros de cada unha das mesas. O aforo estará limitado e nos accesos haberá voluntarios de Protección Civil.

O coordinador de prevención de eleccións da Xunta de Galicia asegurou esta mañá que todos os colexios electorais cumpren xa con estas medidas. En total, máis de 2.000 centros que tiveron que ser adaptados a esta nova normalidade.

En todos os colexios colocaranse carteis para lembrar á cidadanía as pautas sanitarias. Ademais, intensificaranse as actuacións de limpeza e desinfección e darase prioridade a entrada dos maiores de 65 anos e das persoas con discapacidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí