PONTEVEDRA/SALNÉS> En marcha o plan de continxencia contra a gripe na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Entre as medidas, destaca a limitación do acceso aos tres hospitais: só os menores e os dependentes poderán ter un acompañante en urxencias. Dende a xerencia agardan que o pico de infeccións se produza nunhas catro semanas, no entorno das datas de Nadal. E é que a tempada de gripe chegou antes do habitual.
A tempada de gripe chegou máis cedo do que nos tiña afeitos antes da pandemia. Dende o 1 de setembro a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabilizou xa 186 casos de gripe e a día de hoxe hai 15 persoas ingresadas.
A previsión é que na época do Nadal se poida acadar o pico de contaxios. Por iso na área sanitaria entrou hoxe en vigor o plan de continxencia deste ano. Divídese en catro niveis, sendo o cuarto o de maior impacto: no caso de que o número de doentes pentendes de hospitalización en Urxencias con virus respiratorios supere o 12%.
Outra das medidas pasa por limitar o acceso aos tres hospitais da área sanitaria. Só menores e dependentes poderán estar acompañados nas urxencias do Provincial, de Montecelo e do Hospital do Salnés.
Tamén desaparecen este ano as plantas exclusivas para as persoas ingresadas con covid.
Dende a xerencia da área sanitaria aconsellan o autotratamento ante a aparición de síntomas leves. Ademais, en caso de dúbida recomendan acudir a Atención Primaria e non recorrer as urxencias para evitar saturacións.