Pontevedra explica o PMUS cunha exposición na praza da Peregrina

PONTEVEDRA> Pontevedra comeza coas súas accións a pé de rúa para dar a coñecer o Plan de Mobilidade Urbana Sostible á cidadanía. Esta mañá inaugurouse unha exposición na céntrica praza da Peregrina, que achega as claves do contido do documento, co que a cidade quere axustar o seu modelo á lexislación en materia ambiental.

Pontevedra avanza no seu programa de actividades para difundir os contidos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible entre a cidadanía. Na praza da Peregrina xa pode verse unha exposición que resume algunhas das súas claves.

O PMUS xa se pode consultar na páxina web, onde ademais os veciños poden facer achegas. Tamén se están a celebrar reunións con diferentes asociacións para recoller a súa opinión sobre o documento. E é que a intención do goberno local é conseguir a máxima participación.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible é un documento que teñen que ter aprobado todas as cidades de máis de 50.000 habitantes para adaptarse á lexislación en material ambiental. Un dos seus aspectos é a creación de zonas de baixas emisións nas cidades e neste eido Pontevedra lidera un movemento alternativo: que toda a cidade teña esta consideración, para evitar a implantación dunha peaxe para acceder ao centro ou ter que prohibir o paso a vehículos sen etiqueta ECO.

O prazo de presentación de suxerencias manterase aberto ata o 31 de xullo. En canto ao PMUS, terá que estar aprobado definitivamente antes de finais de ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí