Pontevedra dará unha nova vida á antiga pone do tren como unha senda peonil e ciclista

PONTEVEDRA> Pontevedra recuperará a antiga ponte do tren sobre o río Lérez. Antes de que remate o 2022, o concello ten previsto rematar uns traballos que converterán a infraestrutura nunha senda peonil e ciclista. O proxecto conta cun investimento de 200.000 euros con cargo aos fondos europeos EDUSI, e supón un paso máis na construción da futura Vía Verde entre Pontevedra e Vilagarcía.

A vella ponte do tren sobre o río Lérez converterase nunha senda peonil e ciclista. O concello de Pontevedra actuará para dar unha nova vida a esta infraestrutura, que supón o primeiro paso na construción da futura Vía Verde entre Pontevedra e Vilagarcía.

O proxecto ten un investimento de 200.000 euros, que se financiará a través dos fondos europeos EDUSI. Contempla un tratamento de formigón sobre o pavimento da ponte e o cambio da varanda para mellorar a seguridade. Tamén a conexión coa praia fluvial e a senda do Lérez.

Para a adxudicación dos traballos, a oferta económica suporá o 70% da valoración técnica. No 30% restante teranse en conta as melloras propostas: a instalación de peches nos muros da senda e a execución do tapiado provisional da boca do túnel valoraranse con 5 puntos para cada unha. Os 20 restantes os recibirán as compañías que fagan unha proposta para embelecer o noiro.

O concello ten máis proxectos para ir complementando esta actuación que xa contan con financiamento europeo. Entre eles, a construción dunha senda que dea saída á ponte cara as dúas marxes da senda fluvial e o reacondicionamento dos salóns do Lérez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí