Vinte anos traballando por e para O Grove

    O GROVE> Controlando a seguridade na Festa do Marisco, axudando ós veciños cando se producen inundacións, en accidentes de tráfico ou tomando parte do operativo da Volta Ciclista a España. Os voluntarios de Protección Civil do Grove levan vinte anos prestando o seu tempo para que a vida do municipio sexa máis segura e ser un apoio para os veciños cando estes os necesiten. Con eles precisamente, e con todos os compañeiros que pasaron pola agrupación neste tempo, compartirán esta fin de semana a celebración do seu 20 cumpreanos. Di a canción que vinte anos non son nada, pero no caso de Protección Civil do Grove, son toda unha historia de solidariedade, esforzo e superación. Unha auténtica ‘escola da vida’ pola que en todo este tempo pasaron máis de 400 voluntarios e que nestes intres conta cunhas 50 persoas operativas. Estudantes, profesionais dos eidos máis variados… xente que nalgún momento decidiu dedicar o seu tempo de lecer a axudar ós demais, e que pouco a pouco foron conformando unha gran familia. Voluntarios que estiveron cóbado con cóbado cos mariñeiros cando se produciu a catástrofe do Prestige, que aparecen ó momento para auxiliar á vítimas de accidentes, ou que están ó carón dos cidadáns en eventos destacados como a festa do Marisco ou a Volta ciclista. Esta fin de semana será o momento de lembrar toda esta traxectoria durante a celebración do seu 20 aniversario. Tempo para lembranzas e reencontros. Hoxe en día, Protección Civil do Grove é un corpo profesionalizado que conta cunhas instalacións á última en tecnoloxía, coas que están en permanente contacto cos demais servizos de emerxencias a nivel local e autonómico, e desde as que se deseñan complexos operativos. Para coñecelas, o sábado e domingo organizaranse unhas xornadas de portas abertas ás que están convidadas tódolos veciños. Pero o acto central será no sábado pola noite. Un acto de confraternidade ó que está confirmada a asistencia dunhas 150 persoas e na que o presidente da Agrupación recollerá a Medalla ó Mérito que recentemente lle concedeu o Ministerio do Interior. Un recoñecemento ó conseguido durante 20 anos que de seguro os animará a continuar moitos máis. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/05/PROTCIVILGROVEANIVERSARIO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/05/ANIVERSARIO_PC_GROVE.mp4{/flowplayer}