Chega un novo temporal ás costas galegas

    O SALNÉS> Cando aínda non superamos o paso da cicloxénese explosiva bautizada como Dirk, achégase un novo temporal que se deixará sentir especialmente na franxa atlántica galega. No mar continúa a alerta laranxa e empeorará o venres. Unhas condicións que se manterán ata o día de fin de ano. O temporal destes últimos días deixou nas Rías Baixas un regueiro de incidencias. Os axentes de emerxencias na comarca do Salnés recibiron neste Nadal máis de duascentas alertas, a meirande parte delas por obxectos que levantou o vento que chegou a zoar a 103 quilómetros por hora. Así, foron moitas as árbores caídas, os contedores do lixo desprazados ou carteis, sinais e elementos de vivendas que saíron voando polos aires. En Pontevedra o vento levantou o tellado do Pazo da Cultura e parte do teito da Ponte da Barca. En Vilagarcía, o corpo de emerxencias Protección Civil tivo que acudir a varias chamadas. Tamén na comarca do Ulla Umia tivo repercusións o mal tempo: en Pontecesures avariáronse tres barreiras dos pasos a niveis e en Catoira saíuse un camión da vía, por mor dos fortes ventos e intensas chuvias. A esto hai que sumar algún asolagamento como os da zona de Ousensa en Vilanova e no Grove, e os frecuentes e intensos cortes de luz. Unha falla de subministro eléctrico que desde a Xunta culpaban ás compañías concesionarias do servicio. Desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía alertan de que mañá se manterá a alerta laranxa, especialmente nas Rías Galegas, por mar combinada e mar de vento. Para mañá, a partires das oito da mañá no litoral da Coruña e das 12 da mediodía na costa pontevedresa, agárdanse fortes ventos do suroeste, con forza de 7 a 8; e mar combinada de 5 a seis metros. Ante esta situación recoméndase extremar as precaucións.. Un coidado que debe ser extremo preto do mar. O 112 pide á poboación que se afaste de diques, cantís ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos, e amarrar ben as embarcacións. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/26/temporal.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/26/balance_temporal_161213.mp4{/flowplayer}