A toxina diarreica DSP entra na ría de Arousa

    SALNÉS > A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, non descarta que ademais do polígono C2 que permanece pechado no Grove se poidan ver afectados outras bateas na zona 9. Nos últimos días a toxina diarreica DSP fixo acto de presencia na ría de Arousa, despois de provocar o peche case por completo da ría de Pontevedra.

    As altas temperaturas destes días tamén están a ter efecto no mar. A toxina diarreica volveu a aparecer nas rías galegas. Nos últimos días as máis afectadas son as de Pontevedra e Muros, pero o episodio tóxico obrigou este luns a pechar xa un dos polígonos de bateas da ría de Arousa. Trátase do Grove C2 en Meloxo. Este mércores o Intecmar realizou mostraxes en diversos polígonos da ría arousá, sobre todo na zona 9 do Grove, á que pertence o polígono pechado. A consellería de Pesca non descarta que a toxina diarreica afecte a outras bateas desta zona.

    O mércores tamén se realizaron mostraxes na zona 3 de Portonovo. Aquí é onde se atopan os únicos polígonos abertos da ría de Pontevedra, que son Portonovo A e B. O C foi pechado o pasado luns por toxina diarreica. Segundo indicou Carmen Gallego, a consellería de Pesca continúa realizando controis procurando garantir a salubridade dos produtos e a seguridade alimentaria.

    Redacción Salnés