A garda civil investiga o estrano falecemento dun home na circunvalación entre Sanxenxo e Portonovo

SANXENXO> Estrano suceso en Sanxenxo. A garda civil investiga a morte dun coñecido hostaleiro da vila. O cadáver apareceu a uns metros dun accidente de tráfico a altura da antiga discoteca pirámide. Xa hai unha persoa detida pola súa presunta vinculación.

Preto das 7 e media desta mañá tivo lugar en Sanxenxo un choque entre dous vehículos na circunvalación que une a vila con Portonovo, á altura da discoteca pirámide. Foi o sistema de emerxencias dun dos coches implicados o que alertou aos servicios médicos, indicando a zona exacta do accidente. Cando os efectivos sanitarios chegaron ao lugar da colisión atoparon un home falecido na calzada a varios metros do lugar do sinistro.

A vítima mortal é Ignacio Cal, un coñecido hostaleiro da vila de 62 anos, e pai do propietario dun dos vehículos implicados no accidente. A Garda Civil está investigando as causas do estrano suceso. Segundo fontes non oficiais, un dos condutores non se atopaba no lugar dos feitos no momento no que chegaron as forzas de seguridade, ademais, as primeiras investigacións parecen indicar que o home falecido non circulaba en ningún dos dous vehículos. Esta tarde transcendeu que habería un home detido que podería ser o fillo do hostaleiro falecido que se entregou voluntariamente.