A Deputación asinou hoxe os convenios do Plan de Práctica Laboral

A Deputación asinou hoxe os convenios coas empresas do Plan de práctica laboral do que se benefician case 500 bolseiros. Unhas 400 empresas da provincia son as que se benefician deste programa, con un, dous ou tres bolseiros cada unha. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, reuniuse esta tarde, xunto con Begoña Estévez e a xefa de persoal María Jesús Torres Peón, con representantes das empresas adxudicatarias do II Plan de práctica laboral para proceder á sinatura de contratos. Rafael Louzán destacou o carácter innovador desta iniciativa pioneira que cumpre unha dobre función: por unha banda, darlle unha primeira oportunidade a mozas e mozos titulados de obter experiencia laboral na profesión para a que se formaron e, en consecuencia, mellorar as súas posibilidades de inserción laboral e evitar a fuga de talentos; pola outra, ofrecerlle ás empresas a posibilidade de contar con persoal cualificado que ten moito que achegar e que pode contribuír de forma decidida a mellorar os seus resultados. Por outra banda destacou que o obxectivo é que o que hoxe se asina como bolsas de práctica laboral se converta en contratos de traballo en 2015, “conseguindo que o que este país investiu en formar á súa xuventude reverta na nosa sociedade por medio da mellora da competitividade, da produtividade e da capacidade de xeración de riqueza, xa que non é xusto que nós formemos talentos e persoal cualificado e sexa outro país o que lle tire rendemento a ese investimento”. {gallery}ano2013/12decembro/30/PLAN_PRACTICA_DEPUTACION{/gallery}