Tres despidos nulos máis na Residencia Valle Inclán

VILAGARCÍA> Tralo parón dos xulgados por Nada, onte saíron tres novas sentencias que declaran nulos outros tantos despedimentos de traballadores da Residencia Valle Inclán de Vilanova, e xa van oito. Desde os sindicatos apuntan que, dos xuízos xa celebrados, aínda quedan cinco fallos máis por saber, e as vistas seguirán ata abril ata completar os 30 despedimentos.

A xustiza segue dando a razón ós traballadores da Residencia Valle Inclán de Vilanova que foron despedidos polo ata agora director do centro. Onte mesmo saían tres novas sentencias, que como as cinco anteriores, declaran nulos os despedimentos. Os motivos, tamén similares: persecución e discrimación dos traballadores pola súa afiliación sindical e que os motivos alegados nas cartas de despedimento non se correspondían cos reais. Das vistas celebradas ata o momento aínda quedan por coñecer cinco fallos máis e o 20 deste mes retómanse os xuízos co resto de demandantes. Os sindicatos insisten en que xa enviaron varios burofax á empresa solicitando a inmediata incorporación dos traballadores ós que a xustiza declarou nulo o seu despedimento. Pero aseguran que a dirección fai caso omiso. Por iso optaron por presentar escritos no xulgado para lograr esa pronta reincorporación, posto que mentres o tempo corre, estanse vulnerando os dereitos destes traballadores. Tamén van retomar as mobilizacións ante a Residencia e ante a Xunta na delegación de Pontevedra e en San Caetano. Parécelles sangrante que o goberno autonómico, coa complicidade dos administradores concursais –din-, permita que Nurtime siga á fronte do servizo cando non conta co pertinente permiso. Con respecto ó proceso de liquidación no que está inmerso a entidade, din no sindicato que agardarán a que se resolva a alegación que presentaron a unha das cláusulas do procedemento para pedir a inmediata adxudicación da Residencia. Alegación na que piden que a nova adxudicataria reincorpore ó 100% da plantilla e non ó 45%. E que a adxudicación non se faga, conclúen, á entidade ‘Residencia de Maiores 2013 S.L.’. Segundo eles, propiedade de Enrique Martínez, o mesmo director responsable destes despedimentos e que a xestionou nesta última etapa. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/10/sentenciasvallerinclan1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/10/SINDICATOS_100112.mp4{/flowplayer}