Señor Alcalde

larraaga.jpgSeñor Alcalde é unha serie que poñerá un toque de humor ás tardes da fin de semana en TVSB. Unha comedia entrañable, colorista e sobre todo divertida, ambientada nunha pequena e rústica vila castelá. A serie está protagonizada por Carlos Larrañaga e conta a vida dun alcalde moi peculiar e de todo o que ocorre no seu pobo, Encinar da Torre. Pablo, que así se chama o edil, deberá enfrontarse ás situacións máis variopintas, á oposición e ó seu sogro.

Así é ‘Señor Alcalde’

A serie conta como é a vida de Pablo, alcalde dunha pequena localidade, a súa relación co partido que representa, a xente da vila, a súa familia e sobre todo as mulleres, entre as que destaca Virginia, á que deberá enfrontarse política e sentimentalmente.

gentes1c.jpgSeñor Alcalde comeza coa vitoria do mencionado Pablo nas eleccións locais. Momento, a partir do cal, terá que deixar un pouco de lado o negocio familiar, fundado polo seu sogro, e no que traballa o seu fillo, para ocuparse das tarefas do Concello. Ademais, verase enfrontado ó seu mellor amigo, Ramón, que rexenta un bar e é concelleiro do partido da oposición. A mesma postura que mantén Virginia, muller moderna, forte e divorciada, que se gaña a vida dirixindo unha asesoría no pobo e que constituirá unha ameaza política e afectiva da que este novel alcalde será consciente dende o primeiro momento.

O alcalde resolve todos os problemas veciñais, ou polo menos inténtao, pero o que non poderá resolver, polo menos en principio, son os seus propios; a tensión sexual con Virginia, as diferenzas de criterio co seu sogro na xestión da empresa, e a alianza deste último co seu neto.

En definitiva, unha serie moi enxeñosa, que conseguirá mergullar ó espectador na vida dunha pequena vila e as súas historias, pero iso si, da forma máis divertida.