GALICIA> A terceira edición do Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o día 18 de febreiro.
As candidaturas a este galardón, que pretende recoñecer e axudar a aqueles que buscan solución a un dos grandes males da humanidade, como é o cancro, poden presentarse en castelán, galego e inglés, por correo certificado ó Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou á dirección Santiago León de Caracas, 1 – 15701 Santiago.
Tamén se poden entregar na recepción do Hospital La Rosaleda, ou envialas ó correo electrónico prensa@fundacionlarosaleda.org antes das doce da noite do 17 de febreiro. As bases completas están a disposición de tódolos interesados na propia páxina web da Fundación La Rosaleda, www.fundacionlarosaleda.org, no apartado “Descargas” e en “Actividades – Premios”.

O premio, dotado con quince mil euros, é un dos de maior contía no seu ámbito e permitirá ó gañador poder realizar o seu traballo con maiores posibilidades. Ademais da dotación económica, entregaraselle un galardón acreditativo consistente nunha peza de Artesanía de Galicia creada en exclusiva para este premio. O premio non poderá quedar deserto e o fallo do xurado será inapelable, facéndose público a través dos medios de comunicación e das páxinas web da Fundación La Rosaleda no mes de marzo.
O Premio de Investigación Oncolóxica conta co apoio da Universidade de Santiago, o Hospital Clínico Universitario de Santiago, a Fundación La Rosaleda e o grupo Frinsa, a través do seu presidente Ramiro Carregal, que co seu mecenazgo posibilita que este galardón poida entregarse.











