O conselleiro de Industria respalda o proxecto de ‘fábrica intelixente’ de Congalsa

POBRA>  Durante a visita realizada á factoría, asentada no polígono da Tomada, na Pobra, Conde destacou o compromiso desta empresa por facer da transformación dixital unha oportunidade para seguir medrando.

A aposta de Congalsa, unha das empresas de alimentación líderes no mercado galego, pola transformación dixital e a innovación é unha constante. a firma vén de ser seleccionada pola Xunta no marco da terceira edición do programa ‘Fábrica Intelixente’, cuxo obxectivo principal é precisamente favorecer o avance do tecido industrial galego cara o modelo 4.0. Segundo explicou o director xeral da compañía, especializada na elaboración de produtos precociñados ultraconxelados, Luís Simarro, a súa intención pasa por deseñar e consolidar unhas instalacións máis flexibles, automatizadas e con tecnoloxías que permitan obter datos en tempo real.

O titular de Industria puxo como exemplo a Congalsa, empresa líder do sector galego da alimentación, presente hoxe en día en 36 países, que decidiu apostar pola transformación dixital para a mellora de procesos.

Conde aproveitou a visita para felicitar tamén á compañía que hoxe mesmo recibiu unha mención nos premios de Responsabilidade Social Empresarial que outorga a Xunta polo esforzo que está a facer en favor da conciliación dos seus traballadores.