GALICIA> A toma de posesión dos conselleiros prodúcese despois de que este pasado sábado fixese o propio o novo presidente da Xunta. O pontevedrés Alfonso Rueda xurou o seu cargo, reivindicando a estabilidade e moderación de Galicia. Defendeu que comeza unha nova etapa, sinalando que tras anos na sala de máquinas, agora tócalle subir á ponte de mando.
Escoltado polo presidente do Parlamento de Galicia, pola vicepresidenta segunda do Goberno central e polo expresidente Feijóo, Alfonso Rueda tomou posesión como presidente da Xunta. Foi nun acto no Pazo do Hórreo ao que acudiu medio milleiro de convidados. Logo de xura-lo cargo, Rueda indicou que comeza unha nova etapa na que -dixo- ponse ao servizo de Galicia.
O presidente contrapuxo a situación política galega con outros escenarios, indicando que gobernará baseándose na moderación e a estabilidade. E defendeu un país plural e unido.
No seu discurso tamén reivindicou o papel de todos os que loitaron a prol da consolidación da Galicia autonómica. Unha tarefa, dixo, que nunca rematará.
O acto, ao que tamén asistiron os presidente de Castela e León, Murcia e Madrid, rematou coa interpretación do Himno Galego.