Colexios do Barbanza repartirán froita fresca ó alumnado

BARBANZA> O Fondo de Garantía Agraria destinará unha partida de preto de 23 mil euros para promover o consumo de froita fresca entre o alumnado da provincia da Coruña. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das achegas, das que se beneficiará unha trintena de centros escolares coruñeses entre os que se atopan os colexios de Abanqueiro en Boiro, Salustiano Rey Eiras na Pobra do Caramiñal e o Cernadas de Castro en Lousame, así como tamén os institutos de Porto do Son e Macías o Namorado de Padrón. O plan, que se leva a cabo a través da Consellería do Medio Rural e do Mar e o Fondo Galego de Garantía Agraria e conta coa colaboración das Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade diríxese aos alumnos e alumnas de Educación Infantil de segundo ciclo, de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria. Así, o programa consistirá nunha axuda por alumno e alumna e día lectivo para a distribución de froita fresca no recreo, durante períodos de cinco días lectivos consecutivos. A duración desta iniciativa virá determinada polo propio centro escolar, que elaborará a proposta. O obxectivo deste proxecto é promover unha alimentación saudable desde a infancia, polo que as froitas deberán ser preferentemente froitas frescas de tempada obtidas en Galicia empregando sistemas de produción sustentables e deberán ser de excelente calidade e óptimo grao de madureza. Do mesmo xeito, desde o departamento autonómico tamén se convocan anualmente axudas para o subministro de leite e determinados produtos lácteos aos alumnos.