Luz verde ó Plan de Conservación de Estradas

A CORUÑA> A Deputación da Coruña deu luz verde esta mañá no pleno ordinario de marzo ó plan de conservación de estradas, cunha primeira fase de proxectos dotada con 9,6 millóns de euros, incluindo actuacións ó longo de toda a rede provincial de estradas. Ademais o organismo provincial reserva unha partida para proxectos futuros que poidan xurdir neste senso. Na sesión tamén se aprobou de forma definitiva as bases e criterios reguladores do plan DTC93, Unha Deputación para Todos os Concellos, dotado este ano con 18 millóns de euros e ideado para axudar aos municipios da provincia nestes tempos de crise. Ademais destes asuntos, a corporación provincial aprobou tamén por unanimidade un convenio co concello de Malpica para a xestión integral do Ecomuseo Forno do Forte en Buño. Esta xestión implicará a atención completa ós turistas a través de visitas guiadas ó conxunto etnográfico, ós elementos museísticos e, en xeral, a tódalas exposicións que alí se organicen. Ó inicio da sesión plenaria tamén se deu lectura a un manifesto conxunto de tódolos grupos políticos con representación na entidade para sumarse ás demandas da comunidade educativa da Universidade Laboral para conseguir a homologación oficial dos cursos da especialidade Marítimo-Pesqueira.