A Deputación da Coruña entregou en Padrón os Premios PEL 2025

BARBANZA> O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu a gala de entrega dos Premios PEL da Deputación da Coruña.

A cita, que chegou este ano a súa sétima edición, reuniu na vila rosaliana a unha ampla representación política, con representantes da institución provincial e da práctica totalidade de concellos da provincia, así como tamén do tecido empresarial.

No transcurso da gala deuse a coñecer o nome das tres empresas galardoadas este ano nas tres categorías principais nas que se bateu ademais récord de participación con 127 candidaturas presentadas.

No Premio á Iniciativa Emprendedora a firma gañadora foi Espazo Nature Retreat. Un campamento turístico de alta calidade aberto ó público dende marzo de 2024, no espazo natural de Razo-Baldaio, en Carballo.

En canto ó Premio á Traxectoria Empresarial a empresa galardoada foi Somadrome Films, unha produtora audiovisual con sede en Oroso, especializada en documentais científicos e culturais para o mercado internacional.

O terceiro dos galardóns, o Premio á Proxección e Innovación Sostible foi a parar a empresa CLUN: Cooperativas Lácteas Unidas, cooperativa de referencia no sector lácteo galego, resultado da fusión de Feiraco.

Na súa intervención o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso,  felicitou ás empresas premiadas, destacando a importancia dos premios PEL que cada ano, segundo el, veñen a  recoñecer as mellores iniciativas empresariais da provincia.

Durante o acto, o presidente provincial fixo balance do Plan de Emprego Local, ó que definiu como un dos proxectos máis transformadores da Deputación da Coruña.

Na gala tamén se entregaron accésits a varias empresas que considerou o xurado. Foi o caso de Orixe Salgada, accésit á Iniciativa Emprendedora; La Pradera Online, accésit á Traxectoria Empresarial e Galopín Playgrounds, accésit Proxección e Innovación Sostible.

No transcurso da gala tamén se fixeron dous recoñecementos especiais á xornalista Fernanda Tabarés e ó veterano empresario pobrense Severino Escurís Batalla, a piques de cumprir os cen anos.

A foto final de tódolos premiados enriba do escenario puxo o fin a esta edición dos Premios PEL, que ano a ano consolídanse como un dos recoñecementos máis relevantes do emprendemento a nivel galego e estatal, promovendo a cultura emprendedora e visibilizando o papel das empresas como axentes de transformación social e territorial.