Detido en Ribeira o histórico narco Guillermo Fontán ‘Mito’

    RIBEIRA> Axentes da comisaría da Policía Nacional de Ribeira procederon onte á detención, na Avenida do Malecón, do narcotraficante arousán Guillermo Falcón Fontán, máis coñecido coma Mito, que se atopaba en paradoiro descoñecido dende hai varios anos. Natural de Vilanova de Arousa, este histórico capo é un dos responsables do alixo de cocaína incautado no ano 2004 no marco da operación Tejo, que, a través dun barco interceptado en alta mar, pretendía introducir en Galicia algo máis de cinco toneladas de cocaína, razón pola cal estaba en busca e captura, cunha orde de detención cursada pola Audiencia Nacional dende agosto de 2007. Guillermo Falcón era un dos cabecillas desta operación xunto ó tamén histórico narcotraficante barbanzán José Manuel Rodríguez Sanisidro, natural de Boiro, xa en prisión. No momento da detención, Mito atopábase preto dun local hostaleiro que rexentaba a súa parella, actualmente pechado, estaba disfrazado cunha peluca e levaba unhas gafas, intentando ademais enganar ós axentes durante a súa identificación, ó dar un nome falso. Segundo informaron fontes policiais, o detido ó que lle constan dúas detencións anteriores, unha por un delito contra a propiedade e detención ilegal e outra por trafico de estupefacientes, xa pasou a disposición judicial nos Xulgados de Ribeira.