A nova oferta de Turismo Rías Baixas destaca en Fitur 2014

Madrid – Fitur>  Rías Baixas busca en FITUR atraer turismo cultural de alto poder adquisitivo.

Turismo Rías Baixas presentou en Fitur a oferta turística da provincia, centrada esta vez no turismo cultural e co afán de atraer á provincia a un tipo de visitante que cada día é máis numeroso e cun alto poder adquisitivo.

 Nun acto presentado pola xornalista galega afincada en Madrid Pilar Falcón a Deputación de Pontevedra aproveitou o “magnífico escaparate” que representa esta feira internacional para promover dúas novas rutas que a Administración provincial pon agora en marcha e coas que se pretende “encandilar ao visitante” e fidelizalo.

Trátase da Ruta dos Castros e da Ruta dos Castelos, dous itinerarios que, en palabras do presidente da Administración provincial, representan unha extraordinaria maneira de achegarse á “historia da provincia de Pontevedra e desta cidade única que se chama Galicia”.

As dúas rutas contaron cos seus propios vídeos promocionais –que se poderán seguir a través da web da Deputación– e conforman “un magnífico escaparate para todos os que queiran adentrarse na cultura e identidade de Galicia” que, a xuízo de Louzán, “teñen que facer esta visita inescusable ás Rías Baixas”.

A ruta dos xacementos fai un percorrido polos 16 castros que a Deputación de Pontevedra  está poñendo en valor, cuns traballos de limpeza, sinalización e restauración, mentres que a  dos castelos inclúe construcións coma o castelo de Sobroso, o de Soutomaior ou o de  Salvaterra, así como a reconstrución da fortaleza de Monte Lobeira.

Trátase, segundo Rafael Rodríguez -arqueólogo da Deputación, que tamén participou nesta  presentación en Fitur- de dúas rutas que lle permitirán ó visitante achegarse a dúas épocas  históricas totalmente diferentes pero das que a provincia de Pontevedra conserva notables  vestixios. “Cada castro cóntanos una historia diferente” –asegurou Rafael Rodríguez– do  mesmo xeito que os castelos nos achegarán “a unha fase decisiva do pasado dunha terra que  ten moito que ofrecer ao visitante”.

No acto de presentación, ao que asistiron máis dun cento de persoas que abarrotaron o salón de Turismo de Galicia, tamén se presentaron outros dous vídeos promocionais que, baixo o título de Rías Baixas, en los albores de la historia e Un viaje por el pasado de las Rías Baixas, convidan ao turista a “asomarse á historia” dunha terra chea de recursos e oportunidades, e sensibilizada co medio ambiente e co patrimonio.

 

Rafael Louzán na presentación de Turismo Rías Baixas en Fitur  Referente para o turismo cultural

Na súa intervención Rafael Louzán subliñou a aposta da Deputación pola posta en valor  da riqueza do patrimonio histórico e arqueolóxico da provincia co obxectivo tanto de contribuír á súa conservación e difusión como para converter á provincia nun referente” do turismo cultural.

 Nesta liña, Turismo Rías optou nesta edición de Fitur por presentar unha oferta    diferenciada -complementaria da xa presentada noutras ocasións e na que a provincia xa é un referente, como o turismo de praia, accesible, enogastronómico, naútico, deportivo, termal, rural o de natureza–, coa vista posta nos novos modos de facer   turismo e de ser turista.

Nesta liña, cómpre ter en conta que, segundo a Organización Mundial do Turismo, o 40% das viaxes que se emprenden hoxe teñen unha motivación cultural e que, neste campo, as Rías Baixas teñen moito que ofrecer.

 

{gallery}ano2014/01xaneiro/24/Rias_Baixas{/gallery}