Poio proponse ‘queimar o covid’ nas fogueiras no retorno das Festas de San Xoán

POIO> O San Xoán volve a Poio. O concello celebrará por todo o alto as súas festas patronais, despois de dous anos paradas por mor da covid19. Non faltarán o pregón, a sardiñada, a música e, por suposto, as fogueiras na noite do 23 de xuño. Unha completa programación que marcará a saída da intensa programación que Poio prepara para este verán de volta á normalidade.

Este verán, Poio recupera as súas Festas de San Xoán. E faino, ademais, indo a por todas.

Así, estas festas patronais volverán ser o que eran. O eixo central será o xoves 23, noite de San Xoán. O concello recupera a tradicional sardiñada, a recollida de herbas da Asociación Ronsel, as verbenas e, por suposto, as fogueiras.

O pregón será o día anterior. Ás 9 da noite, dende o balcón da casa do concello, o dramaturgo Quico Cadaval dará por inauguradas as festas. A programación inclúe tamén misas, pasa rúas, concertos e traerá ata Poio a dúas das orquestras máis populares de Galicia: a Panorama, o sábado 25, e a París de Noia, o domingo 26.

E é que Poio afronta con toda a súa artillaría festeira este verán do 2022. O Armadiña Rock, a Festa do Mar ou a Festa da Ameixa son algunhas das citas que regresan ao calendario dos veciños.