Tres pontevedresas unen formación e cultura ‘para todos’ no seu Espazo Meraki

PONTEVEDRA> Nace en Pontevedra Espazo Meraki, un proxecto comprometido coa cultura e a formación. Begoña Acuña, Rosabel Mora e Noelia Toledano están detrás desta proposta, que nunha primeira quenda encherá o seu local na rúa Castelao de obradoiros intensivos impartidos por persoeiros do mundo da cultura. Danza, canto, escrita. Todas as disciplinas teñen o seu oco neste novo Espazo para mentes inquedas.

Begoña Acuña, Rosabel Mora e Noelia Toledano non dubidaron á hora de escoller nome para bautizar o proxecto que lles rondaba a cabeza. Agora Espazo Meraki é unha realidade na rúa Castelao de Pontevedra: unha aposta pola cultura e a formación.

Ofrecerán obradoiros para adultos de todas as idades en diferentes disciplinas. A maioría serán de 16 horas durante as fins de semana. O primeiro será de danza, con Mikel Aristegui, os días 15 e 16. O 22 e o 23 será a quenda da voz, con María Costas. Tamén en maio, o venres 28, celebrarán un obradoiro de dramaturxia a cargo de Julio Fernández, desta volta de 8 horas.

A idea é combinar estes obradoiros de pago con actividades mensuais gratuítas e abertas ao público. En maio será o venres día 28 coa presentación do libro Dramaturga. En xuño será o 11 cun recital de Deborah Vukusic. Toda a programación de Espazo Meraki terá o seu eco nas redes sociais.

Xa no mes de xuño, a fin de semana do 5 e o 6 a protagonista será a poesía da man de Silvia Penas. Camilo Franco impartirá un obradoiro de literatura os días 12 e 13, e Pato (Zopilote) dirixirá as sesión do 19 e o 20 dedicadas ao guión. Esta primeira quenda de obradoiros pecha os días 26 e 27 co cinema, con Carlos Villarino.

As inscricións para todas as clases xa están abertas e poden facerse no mail espazomeraki@gmail.com. As prazas son limitadas para garantir o cumprimento das medidas anticovid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí