As familias do Villa de Pitanxo, ‘desesperadas’ tras rematar unha reunión na Subdelegación sen compromisos

PONTEVEDRA> A situación incrementa a angustia das familias da tripulación. Esta mañá, concentráronse diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e despois mantiveron unha reunión coa subdelegada, Maica Larriba. Tras dúas horas de encontro, abandonaron o edificio sen compromisos firmes por parte do executivo central. Insisten en reclamar os medios necesarios para que continúe a busca dos 12 mariñeiros do Villa de Pitanxo que continúan desaparecidos.

Preto de dúas horas durou esta mañá a reunión que a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo con varias familias da tripulación do Villa de Pitanxo. Un encontro que rematou, unha vez máis, sen compromisos.

Antes e despois da reunión reclamaron o mesmo que onte trasladaron ao Ministro de Pesca. Queren que se poñan en marcha os recursos necesarios para que continúe a busca dos doce mariñeiros que continúan desaparecidos.

Non confían no Goberno, que hoxe asegurou que Canadá retomará a busca cando mellore o tempo. Insisten en que se compense aos pesqueiros que están na zona para que participen no operativo. Algo que, afirman, xa están facendo de xeito totalmente voluntario.

Contrapoñen o sentimento de abandono por parte das administracións ao apoio que, aseguran, están a recibir da cidadanía. Non en van, esta mañá puxeron en marcha unha petición en Change.org para recadar sinaturas que apoien a continuidade dos traballos de busca. A campaña superou as 30.000 sinaturas nas primeiras oito horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí