A Deputación investirá en Pontevedra máis de 18 millóns a través de proxectos europeos

Pontevedra> A Deputación de Pontevedra está a investir na provincia máis de 18 millóns de euros a través de proxectos europeos. Así o informou esta mañá López Font, que adiantou tamén que a institución ten en marcha 15 novas candidaturas a fondos da Unión Europea para impulsar actuacións por valor de máis de 22, 1 millóns de euros.

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior fixo hoxe balance dos proxectos que a Deputación de Pontevedra ten en marcha con financiamento europeo.

Na actualidade  a institución está a liderar iniciativas por valor de máis de 18 millóns de euros centradas en proxectos que impulsan o emprendemento, o emprego, a competitividade, a I+D, as novas tecnoloxías, a sustentabilidade, o medio ambiente, a formación, a xestión dos recursos naturais e as sinerxías con Portugal.

Máis polo miúdo, López Font explicou que estes proxectos se centran en dúas liñas de actuación. A primeira en torno á economía, a industria, o turismo e o medio ambiente, nos que se están investindo algo máis de 10 millóns de euros.

O outro grande eixo de actuación agruparía iniciativas para o impulso do emprego e da formación, que suman 8,1 millóns de €.

Informou tamén de que a Deputación ten en marcha 15 novas candidaturas para captar fondos europeos que impulsen actuacións na provincia, por valor de máis de 22,1 millóns de euros. Céntranse en seis eixos de actuación, entre os que destacou o de igualdade.

Tamén se solicitarán fondos para proxectos relacionados coa eficiencia enerxética, a  innovación, cultura e turismo, montes e cooperación transfronteiriza.