Veciños da Covecha reúnense co Valedor do Pobo

    POBRA> Unha delegación dos veciños da Covecha, afectados pola instalación da gasolineira na zona do porto, foron recibidos esta mañá polo Valedor do Pobo. Na reunión mostráronlle o seu malestar pola realización desta actuación, que consideran traerá graves consecuencias para a veciñanza da zona. Ademais trasladáronlle as súas queixas a esta obra, baseadas en tres aspectos fundamentais. En primeiro lugar que no informe de incidencial ambiental, o concello ocultou dunha forma manifesta a existencia de areas sensíbeis preto do lugar da instalación: marquesina de trasporte escolar, instalacións deportivas utilizadas por moitos rapaces e rapazas, como clube de remo, de piragüismo, pistas de tenis e polideportivas, así mesmo existe na cercanía, un parque infantil, a estación de autobuses, e un núcleo densamente poboado a menos de 50 metros. en segundo lugar que no proceso de concesión da licenza, e dentro da consulta ós interesados que puideran sentirse afectados, o concello actuou cunha total discrecionalidade, e só solicitou conformidade a un grupo moi reducido de persoas, obviando á maioría dos veciños e veciñas máis próximos á futura instalación. Neste proceso recolleronse preto de 700 reclamacións que falan claramente dun rexeitamento maioritario da poboación máis cercana. Por últio no prego de condicións da concesión administrativa de Portos de Galicia aparece claramente que a concesión destinarase exclusivamente a instalacións de subministro de combustible e, de ser o caso, a vehículos dos usuarios do Porto, condición esta que se vai incumplir descaradamente na proposta existente. Ante todo isto, propoñen que existindo múltiples lugares nos terreos de Portos de Galicia na localidade, que se procure unha outra ubicación máis acorde cos intereses xerais. Na xuntanza mantida, o Valedor do Pobo entendeu perfectamente a queixa dos veciños, máxime cando se facía unha proposta alternativa de moito peso e fundamento. Así mesmo, recoñeceu o sustento administrativo e procedimental da queixa e considerou necesario dar contestación por parte das administracións ás 700 reclamacións presentadas. Así mesmo informou que a queixa cumplía perfectamente os requisitos para ser tramitada e que así se faría de maneira inmediata.