O Goberno aproba un paquete de medidas económicas ante a crise do coronavirus

ESPAÑA> Axilizar os ERTE, acceso ao paro e suspensión da cota da Seguridade Social para os autónomos afectados. Esas son as principais medidas económicas anunciadas esta tarde polo Presidente do Goberno. Medidas para reducir ao máximo o impacto negativo da crise do coronavirus no mercado laboral.

Pedro Sánchez compareceu esta tarde para anunciar un paquete de medidas económicas ante a emerxencia sanitaria. Co obxectivo de reducir o impacto negativo da crise do coronavirus no mercado laboral, o Goberno mobilizará en total 200.000 millóns de euros. A medida máis destacada corresponde aos autónomos. Todos os empresarios afectados que leven adiante expedientes de regulación temporal de emprego non pagarán as cotas da Seguridade Social. En canto aos traballadores, todos terán dereito a cobrar o paro aínda que non cumpran cos requisitos. Neste eido, o presidente do Goberno anunciou que se flexibilizarán os ERTE e que se implantará o “contador a cero”. Deste xeito, e durante o período que dure esta situación, os traballadores non gastarán os seus dereitos acumulados. Por outra banda, permitirase tamén aos traballadores que reduzan e adapten a súa xornada laboral, incluso ata o 100%, co obxectivo de conciliar. Por último, o Goberno anunciou tamén unha moratoria no pago das hipotecas.