ONS> A Xunta impulsa a candidatura das illas atlánticas para converterse en Patrimonio Mundial da UNESCO. O Conselleiro de Cultura quixo amosar hoxe o seu respaldo ó proxecto, cunha visita á illa de Ons. Román Rodríguez salientou que o traballo máis complicado para consegui-lo recoñecemento xa está feito e que agora só queda agardar polo visto bo dos técnicos da organización pertencente ás Nacións Unidas.
A candidatura das illas atlánticas para converterse en patrimonio mundial continúa o seu camiño. Despois de que no pasado mes de febreiro a UNESCO incluíse a proposta da Xunta na súa lista indicativa, o que toca agora é amosa-lo responsado ó proxecto. E iso foi o que fixo hoxe o Conselleiro de Cultura. Román Rodríguez viaxou ata Ons para visitar un campamento xuvenil no que 60 mozos coñecen a riqueza cultural, paisaxística e medio ambiental do Parque Nacional.
Chegar aquí, di o responsable de Cultura, foi un proceso longo e laborioso, coa elaboración dun documento técnico da candidatura, remitido despois ó Goberno de España para a súa aprobación. Agora, lembra Román Rodríguez, queda o máis importante: que os técnicos da UNESCO vexan na candidatura das illas atlánticas galegas toda a súa potencialidade e riqueza natural, paisaxística e cultural.
O Conselleiro aproveitou para lembrar que a da Xunta é a única candidatura oficial que existe perante a UNESCO, en relación á iniciativa paralela lanzada polo Concello de Vigo para acadar ese recoñecemento unicamente para o arquipélago de Cíes.
A candidatura do goberno galego a patrimonio mundial inclúe o conxunto do actual Parque Nacional das Illas Atlánticas, composto por Ons, Sálvora, Cortegada, e As Cíes.