CAMBADOS> O mundo da verbena enfróntase ó seu verán máis incerto. As orquestras non deixan de recibir cancelacións ante a crise do coronavirus. Falamos coa orquestra ‘Suavecito’, de Cambados. Din que para eles, o futuro preséntase moi complicado. Auguran que ata o 2021 non poderán pisar de novo o campo da festa.
Son imprescindibles en tódalas vilas do país. Pero a irrupción da crise do coronavirus pon contra as cordas ás orquestras galegas. Unha delas, a Suevacito de Cambados, ve con moita preocupación o seu futuro. Nos últimos días non pararon de recibir cancelacións de actuacións. O verán, tempada alta para as orquestras, tampouco se presenta mellor.
Ante as consecuencias derivadas da crise sanitaria, dende Suavecito resígnanse a ter que ir decidindo o seu futuro “sobre a marcha”. Auguran que ata o 2021 non retomarán a normalidade.
Falan dun futuro “negro” porque as súas actuacións dependerán da recadación das comisións de festas e tamén da contratación por parte das administracions públicas. Con todo, malia ó difícil horizonte que teñen por diante, nesta orquestra cambadesa non se renden.
No mundo da verbena traballan en Galicia preto de 6.000 persoas.