Posible desmantelamento do CAISS da Pobra

    POBRA> Os socialistas solicitaralle ó equipo de goberno a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar este asunto, para eles de vital importancia para o municipio. A publicación dun informe da comisión para a reforma das Administracións Públicas, no que se prevé unha redución estimada dun terzo dos Centros de Atención e Información do Instituto Nacional da Seguridade Social en todo o país durante a primavera de 2014, foi unha das principais razóns que alertaron ós membros do Partido Socialista, ó temer que o da Pobra poida ser un deses servizos desmantelados. Dase a circunstancia, segundo eles, que é o único servizo de ámbito comarcal que existe na localidade. A socialista presentará unha moción relativa a este asunto na vindeira sesión plenaria, que terá lugar no mes de marzo. Aínda así, e debido á vital importancia do mesmo, solicitaralle ó equipo de goberno a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar este tema e así realizar tódalas xestións posibles para evitar o posible peche do servizo.