A POBRA> Hoxe cúmprense seis anos da desaparición de Diana Quer na Pobra. Unhas flores enviadas pola súa familia recordan á moza no punto onde foi raptada. Os seus pais fan un chamamento ó concello para instalar unha placa nun lugar digno para honrar a memoria de Diana.
‘De aquí a tu eternidad; Valeria y Mamá’ Esta lenda xunto a unha bágoa de flores e unha fotografía de Diana Quer lembran o lugar onde foi secuestrada hai hoxe seis anos. Non hai placa nin outro elemento conmemorativo; tan só unha farola onde familiares, amigos e mesmo algún veciño depositaron flores e outros obxectos en homenaxe a Diana.
A súa familia reclama un lugar digno no que honrar a súa memoria polo que piden ó concello a instalación dunha placa ou que, polo menos, retire o contedor situado na zona. A este chamamento súmase tamén o Partido Popular que reclama un lugar simbólico en memoria de Diana e de tódalas vítimas de violencia de xénero.
Dende o PP lembran que xa en xaneiro de 2019 levaron a pleno unha moción solicitando a organización de actos conmemorativos coincidindo co aniversario da desaparición de Diana.
O PP anunciou que volverá presentar unha iniciativa municipal neste sentido e iniciarán en unha campaña de recollida de sinaturas para que o equipo de goberno teña en conta o sentir social en recoñecemento da memoria de Diana.