A Xunta recibe o PXOM sonense para a súa aprobación definitiva

    PORTO DO SON> O alcalde sonense, Luís Oujo, desprazouse esta mañá a Santiago para entregarlle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o Plan Xeral de Ordenación Municipal para proceder a súa aprobación definitiva. A Xunta disporá agora dun prazo dun mes, aproximadamente, para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto presentado, que será informado na Comisión Superior de Urbanismo do vindeiro 18 de marzo. Unha vez superado este trámite, a Administración Autonómica disporá tamén dun prazo de tres meses para realizar un estudo do documento. O planeamento sonense foi aprobado provisionalmente o pasado 24 de xaneiro pola corporación municipal. Tiveron que pasar máis de 15 anos, xa que no ano 1.999 iniciábase a súa redacción. Nestes dous últimos anos, o PXOM completou toda a tramitación, tanto a urbanística como a ambiental, expúxose ó público, período no que se presentaron un total de 650 alegacións, recibindo ademais o informe favorable dos preto de 30 informes sectoriais que foron solicitados polo concello ás distintas administracións: Patrimonio, Estradas, Augas de Galicia, Costas ou Telecomunicacións, emtre outras.