RIBEIRA> Ribeira xa está inmersa na celebración da Semana da Muller cunha ampla programación en torno ó 8 de marzo. O deporte será o eixo condutor de gran parte das actividades que pretenden poñer en valor o papel feminino no ámbito deportivo.
A programación para conmemorar o 8M en Ribeira estenderase ó longo de todo o mes de marzo cunha serie de actividades que pretenden poñer en valor o papel das mulleres en diversos ámbitos como a cultura ou o deporte. O xoves 5 terá lugar unha mesa redonda a cargo de destacadas deportistas como sabela Pensado ou Gloria Cacharrón no Lustres Rivas seguida da inauguración da mostra feminina Empoderarte.
O acto institucional será o venres seis de marzo no que se renderá homenaxe a varias ribeirenses que destacan en diversos campos deportivos.
Tamén se engloba nos actos polo Día da Muller a gala de presentación da Volta Ciclista feminina que terá lugar o día 9 no auditorio ás sete da tarde. O resto da programación complétase con actividades para escolares, obradoiros, teatro e unha actuación das pandereteiras de Tahúme.











