Malestar no concello de Noia polo trato da Xunta de Galicia

    NOIA> De capricho político cualifican, os independentes de Noia, o pasotismo da Xunta de Galicia por non dar luz verde á construción da “Área de Ocio e Deportiva de Labarta”. O partido afirma estar realmente enfadado por esta situación.

    Os Noieses Independentes Agrupados, gobernando actualmente dentro do tripartito, propuxeron no seu programa electoral a construción dunha gran área de ocio e deportiva no lugar de Labarta. Este espazo beneficiaría amplamente o turismo da vila e por iso foi apoiado por unha parte importante dos veciños ademais de ser respaldado polos outros dous partidos que compoñen o equipo de goberno. Tres anos máis tarde a obra segue sen realizarse porque Portos de Galicia non lle da o permiso correspondente, aumentando a crispación dos dirixentes locais. Critican que desde a entidade que preside Xosé Xoan Durán e tamén desde a Xunta de Galicia non concedan este permiso, sabendo que é beneficioso para a vila de Noia. Aproveitando a ocasión, anunciaron dúas obras de mellora na urbanización de Labarta: a total renovación do parque infantil e a mellora das beirarrúas que viñeron provocando inundacións nos baixos. Estes arranxos ascenden a 240.000 euros.