NOIA> O noiés Juan Ramón Vidal participará nos Xogos Olímpicos, na área de protocolo da Federación Internacional de Triatlón. Cumpre así un dos seus soños alcanzando esta meta profesional tras unha ampla traxectoria na organización de eventos deportivos de primeiro nivel.
Caetano Horta non será o único noiés nos Xogos Olímpicos de París. Juan Ramón Vidal participará como membro da área de protocolo da Federación Internacional de Triatlón, coordinando os actos oficiais e apoiando as accións protocolarias nas probas de triatlón.
A súa participación nas Olimpíadas, ás que se incorporará xa este venres na cerimonia inaugural, ven cumprir a súa máxima aspiración tras unha dilatada carreira chea de recoñecementos no ámbito do protocolo deportivo.
Pero a súa presenza nos Xogos de París non é a única cita co deporte de elite para este noiés. En outubro, participará na Final das series mundiais de triatlón que se celebrarán en Málaga coincidindo co congreso para a elección do novo presidente da Federación Internacional.











