Asinan o convenio de colaboración para a mellora do Cine Elma

    POBRA> O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaban esta mañá o convenio de colaboración entre ambas entidades que permitirá o inicio das obras de rehabilitación do Cine Elma. O proxecto construtivo suporá un investimento de máis de 600 mil euros, que serán distribuídas en tres fases. a primeira delas sairá xa a liciatación a vindeira semana e nela prevese intervir na cuberta e nas estruturas do edificio. A nova do inicio das obras de mellora deste emblemático inmoble sae a luz varias semanas despois do acordo entre a Administración Provincial e Local, que posibilitou a cesión do Cine Elma ó concello pobrense. O Cine Elma, catalogado ata ese momento como dominio e servizo público, pasou a ser ben patrimonial unha vez superado o período de exposición pública do expediente e a súa aprobación pola corporación municipal. Malia que o edificio será propiedade do concello, a cesión establece unha serie de condicións. Entre elas, que se dedique a actividades culturais e que se facilite o seu uso gratuíto por parte da Deputación ata un máximo de quince días ó ano nas datas fixadas de mutuo acordo. Ademais, non poderá procederse á desafectación do edificio como mínimo durante trinta anos.